top of page
Foto del escritorFelisa Redondo Valín

Entrevista a Carmen Blanco

Actualizado: 3 may 2023


"Amo mais non teño amo"

ANDREA ESTRELLA ARIAS DÍAZ E SERGIO COUSO NÚÑEZ


 

Andrea Arias e Sergio Couso con Carmen Blanco no seu despacho da Facultade de Humanidades

Tiñamos o obxectivo de acercar á xente este tema: o feminismo. Decidimos traballar nunha entrevista. Pero, a quen facela? A resposta veu rápida e clara: á feminista, escritora e profesora universitaria lucense Carmen Blanco. Primeiro, coñecémola enroscándonos arredor da súa obra e os nosos ollos comezaron a discorrer sobre as súas palabras. Despois, en persoa. Entramos no seu despacho con certo nerviosismo. Ela soubo ben que facer: levantar as persianas e amosarnos unha fermosa paisaxe. O seu longo pelo negro destacaba entre os azuis e os verdes que nos ofrecía a súa fiestra e o seu sorriso sosegou os nervios. Entregámoslle unha folla con cuestións para afondar nese tema que ela tan ben coñece e ao que tanto se adica: o feminismo. Non sabiamos por onde empezar pero si por onde rematar: Grazas, Carmen.

TI E A TÚA OBRA


Cando e por que comezaches a escribir?

Ao mesmo tempo que comecei a pintar, a partir dos 15 ou 16 anos, por pracer e por iniciativa propia.

De que obra te sentes máis orgullosa e por que?

Dos ensaios sobre a liberdade das mulleres e dos homes fronte a todos os poderes que oprimen, pola importancia da causa que defenden, e da poesía e da creación en xeral, polo pracer de facela con liberdade e amor para a permanencia da beleza da vida libre, tal como indican xa os títulos dos libros Atracción total, Un mundo de mulleres, Lobo amor...

Que te motiva a seguir escribindo agora?

O mesmo que me motivou sempre para facelo ou non facelo: o amor e a liberdade, que para min son o mesmo.

Que importancia ten para ti a creación plástica (por exemplo, a ilustración de Tigres de ternura)?


Moita. Facer o deseño de Tigres de tenrura de Claudio Rodríguez Fer foi un acto de amor integral.

O FEMINISMO


Ti, como muller, como te sitúas na loita pola igualdade?


Como muller sitúome na loita pola extensión da civilización dos dereitos humanos máis avanzados para todas as persoas nun contorno de harmonía vital.

Cóntanos que te motivou a entrar no mundo do feminismo.


Facer algo a favor da liberdade humana fronte ao poder sexual.

Cres que o machismo e o patriarcado están retrocedendo como moita xente pensa?


Penso que si: na liña de avance da historia o machismo e o patriarcado retroceden.

Consideras que podemos chegar a unha situación de igualdade plena?


Estamos lonxe aínda da igualdade de dereitos plena e real. Penso que é preciso seguir loitando cada momento por ela con liberdade e amor, é dicir, pola vía do respecto á diversidade e pola vía da paz e da xustiza profundas.

Como de importante foi o papel das mulleres libres e libertarias durante a guerra e a posguerra?


Aínda no medio dos horrores dunha guerra e dunha ditadura, pero precisamente na loita contra elas, o papel desas mulleres libres e libertarias foi moi importante, durante a chamada “revolución da guerra civil española”, polos avances reais logrados na mellora da vida das persoas e, durante a posguerra , pola resistencia na clandestinidade e nas fendas da historia privada e cotiá á marxe dos modelos impostos polos poderes. A anarquista Federica Montseny, que foi ministra de sanidade durante a contenda e seguiu loitando polas súas ideas desde o seu exilio en Francia, é un bo exemplo disto.

Que logrou a loita feminista nestes últimos anos (tivo algún fallo?) e en que aspectos debe seguir loitando por acadar a igualdade?


Todos os avances na liberdade de dereitos das persoas en relación cos abusos do poder sexual débense ás loitas feministas das mulleres e dos homes. Os fallos están sempre na utilización perversa e superficial dun tema moi complexo e ademais moi importante para a dignidade e mellora da vida humana en xeral, que cómpre coñecer ben. Hai que loitar en todos os aspectos, económicos e ideolóxicos, públicos e privados, como sempre, avanzando no pensar, no sentir e no obrar libres.

Poucas das mulleres que vemos no rueiro de Lugo son coñecidas. Poderías comentar esta situación?


Penso que é preciso dalas a coñecer, mais tampouco non son coñecidos moitos dos homes.

Que consello darías ás mulleres da nosa xeración e ás das seguintes?


O mesmo que a todas as persoas: que procuren ter criterio propio e saber o que queren e desexan de verdade e que se esforcen por conseguilo sen perder a ilusión.

MODELOS DE PARELLA


Na túa obra, observamos constantemente o modelo de parella que adoptas na túa relación con Claudio Rodríguez Fer: a Unión Libre (nome que ten a revista na que ambos traballades). Poderías dicirnos en que consiste?


Para min o amor e a liberdade, se son profundos, son o mesmo e teñen que ser reais e facerse reais en cada momento. O amor e a liberdade hai que dálos e recibilos cada día: é unha práctica difícil, pois ninguén pode ser totalmente libre nunha sociedade que non o é e nun contorno de persoas opresoras e oprimidas, de persoas que non son libres.

‘’(...) se a medida do amor é amar sen medida, a unión non pode ser máis que libre’’. Estas palabras pechan o teu artigo ‘’Unión libre’’. Este sintagma constitúe unha referencia continua na túa obra e vida. En que elementos literarios, artísticos e políticos te inspiraches para construír ese concepto e práctica de parella?


No pensamento e a creación máis libertarias de todos os tempos. Na política e pensadora anarquista xudía Emma Goldman, por exemplo, sobre a que escribín en Mulleres e independencia e en Feministas e libertarias.

A MULLER E A LITERATURA


Na túa obra obsérvase unha preferencia do termo ‘’poeta’’ fronte ao de ‘’poetisa’’. Ten algo que ver coas palabras que Emilia Pardo Bazán lle adicou a Rosalía tras a súa morte cando dixo que non era lícito chamala ‘’poetisa’’ senón ‘’poeta verdadero’’?


Non ten que ver exactamente con iso que se ten repetido de Rosalía, pero coincide co sentido da intelixencia desas dúas intelectuais galegas. A palabra “poetisa”, fronte a “poeta”, tiña e segue tendo unhas connotacións pexorativas dentro dos valores misóxinos da lingua patriarcal, por isto, para evitar eses valores negativos asociados ao feminino e dar un trato humano digno e igualitario á poesía das mulleres, emprego preferentemente a palabra “poeta”, mais tamén emprego “poetisa” con orgullo en certos contextos para irlle dando co uso connotacións positivas a certos femininos da lingua que poden non telas.

No artigo “A escola de Doloriñas’’ comentas como a artista Xulia Minguillón plasmaba unha instantánea viva das escolas rurais nas que, percibíndose a escaseza do material didáctico, todo o peso do éxito ou fracaso da educación recaía sobre o mestre ou mestra. Que opinas da actual situación do sistema educativo e da consideración social da figura do profesor/a?


A educación é un dereito humano básico e un remedio tamén básico para loitar contra a escravitude e os males da humanidade. A educación debe ser reformada desde a súa raíz e orientada cara á mellora práctica e integral da vida persoal e colectiva. A función do profesorado é fundamental na sociedade e como tal debe ser considerada -que xa o é, en parte- mais tamén as profesoras e os profesores debemos cumprir ben esa función para merecer a nosa boa consideración pois ensinamos non só co que dicimos senón con todo o que facemos.

En ensaios como Literatura galega da muller ou Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias fas unha viaxe pola historia, neste caso a da muller en Galicia, como en O contradiscurso das mulleres, da muller no mundo. Que grao de importancia consideras que debe ter o pasado nas nosas vidas á hora de actuar?


O pasado ten moitísimo peso no presente aínda que o ignoremos. Hai que facer memoria e coñecelo criticamente para non repetir os seus males, para conservar as cousas boas da historia e da cultura e para, a partir delas, conseguir outras cousas novas aínda mellores.


Escritoras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Francisca de Isla pediron queimar os seus escritos á hora da súa morte. Outras como George Sand (Aurora Dupin), Fernán Caballero (Cecilia Bölh de Faber), Víctor Catalá (Caterina Albert) ou Isak Dinesen (Karen Blixen) ocultaban o seu sexo baixo pseudónimos masculinos. Pensa que na actualidade as escritoras superaron esa actitude de autonegación?


Houbo homes que tamén destruíron escritos e utilizaron pseudónimos femininos. Mais o caso das mulleres si ten historicamente un maior carácter de negación de si mesmas ou incluso e curiosamente tamén de defensa ou protección da liberdade e a independencia da propia obra ou persoa. Na actualidade, como na sociedade se superaron moitos dos grandes prexuízos tradicionais sobre as mulleres en relación coas súas funcións públicas e co dereito á escritura, e como as mulleres gañamos en autoafirmación e autonomía, esas actitudes negativas están case totalmente superadas nos nosos contextos máis próximos.


PREGUNTAS BREVES


Cales son os teus autores/as favoritos/as?


Se teño que dicir un só nome, diría a escritora británica Virginia Woolf, polo fluír do seu pensamento feminista libertario e integral.

Que escritores/as tiveron un maior impacto ou influenciaron en gran maneira no teu pensamento e forma de escribir?


O primeiro escrito que conservo está inspirado na lectura obsesiva de La lámpara maravillosa e Luces de bohemia de Valle Inclán. Sempre tratei de escoller o que máis me gustaba da vida e das artes adaptándoo a min: a miña obra publicada non sigue a ninguén mais bebeu en moitas fontes.


Que autores/as recomendas en xeral? E para iniciarse no tema do feminismo?


As grandes figuras clásicas e contemporáneas, as literaturas primitivas e populares, segundo as preferencias da persoa. Para iniciarse no pensamento feminista profundo, por exemplo, Un cuarto de seu de Virginia Woolf, unha magnífica creación literaria sobre a liberdade e a independencia material e mental das mulleres e dos homes.

A que autor/a sempre volves?


A moitos, segundo o momento: Homero, Safo, as cantigas galegoportuguesas medievais, Shakespeare, Juan de la Cruz... Por razóns profesionais, sempre Rosalía de Castro, aínda unha descoñecida para a maioría da xente, ao igual que as grandes voces galaicas.

Que autor ou autora e que libro que, polo xeral, son considerados moi bos, rexeitas?


Non me gusta falar mal de ninguén, mais non concordo coa suposta bondade estética de moitas das obras ou das figuras impostas polos canons dos distintos sistemas de poder ideolóxicos, institucionais ou comerciais.

Que obras recomendarías a alguén que se quere iniciar na literatura galega?


Sempre obras clásicas, como en todas as literaturas, Cousas de Castelao, Cantares gallegos de Rosalía de Castro, e adaptadas os gustos estéticos da persoa: Rafael Dieste, Luís Pimentel, Ánxel Fole ou Luz Pozo Garza, por citar unha clásica viva que segue creando cando vai cumprir 94 anos este mes...

Que tipo de literatura non che gusta?


A falsa e superficial.

Cales son as túas fontes de inspiración?


A beleza da diversidade da vida.

Que cousas detestas e que cousas anhelas?


Detesto o odio e a opresión e anhelo os seus contrarios, o amor e a liberdade.

Algunha cita da que queiras deixar constancia sobre a igualdade?


Unha miña do conto “Novas noites nosas” -inspirado en As mil e unha noites- de Vermella con lobos: “Amo mais non teño amo”.

81 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page